Monday 20 de May de 2024

O Concello de Moeche organiza un campamento deportivo para a rapazada durante as vacacións da Semana Santa


A Concellaría de Cultura, Deportes, Mocidade e Normalización lingüística acaba de abrir o prazo de inscrición no campamento deportivo que está organizando para os tres primeiros días da Semana Santa. Trátase dunha actividade dirixida á rapazada de 3 a 12 anos coa que se quere promocionar a actividade física entre os nenos e nenas, pero tamén axudarlles ás familias a conciliar neses tres días de vacacións previos aos festivos. Para apuntarse só hai que contactar co Concello a través do correo daniel.feijoo@moeche.gal ou dos teléfonos 981 404 006 ou 639 417 975. O prazo de inscrición finaliza o 23 de marzo.

A proposta lúdica está composta por unha completa oferta de deportes e xogos tradicionais orientados a un entretemento educativo que fomente o exercicio xunto con valores como o do respecto, a igualdade ou a integración. O campamento deportivo terá lugar nas instalacións do pavillón polideportivo durante as mañás dos días 26, 27 e 28 de marzo entre as 10 e as 13.30h.

O prezo do campamento son 10€ por neno ou nena, aínda que o Concello prevé descontos e exencións dependendo das circunstancias familiares. Nesa contía vai incluída a monitoraxe de todas as actividades, unha pequena merenda a media mañá e o seguro correspondente.

Para que a actividade vaia adiante farán falla un mínimo de 8 inscricións, mentres que o tope máximo do grupo estableceuse en 15 participantes. As solicitudes poden presentarse directamente no Rexistro Municipal ou enviándolle a ficha descargable algo máis abaixo ao técnico municipal de Deportes, daniel.feijoo@moeche.gal. O último día é o 23 de marzo e se alguén quere obter máis información pode dirixirse ao mesmo enderezo electrónico ou chamar aos teléfonos 981 404 006 e 639 417 975.

Os obradoiros están organizados con colaboración da Deputación da Coruña.